20100317

O asunto das Centrais Térmicas de Ciclo Combinado na Galiza

Do Colectivo Ártabra 21 para o Comité Cidadán de Emerxencia -17.03.2010-

O asunto das Centrais Térmicas de Ciclo Combinado [*] na Galiza.-

Avaliado o contexto enerxético da Galiza e internacional, o Parlamento Galego, decideu constituir unha entidade que levase a cabo as funcións, iniciativas e programas enerxéticos para o territorio da Comunidade Autónoma.

O Instituto Enerxético de Galicia -INEGA- é o organismo do que se dotou a Comunidade Autónoma para o controlo do subsector económico enerxético que estuda a realidade enerxética e o seu valor estratéxico na Galiza. Teoricamente este organismo ten o encargo de vixiar a utilización racional da enerxía e a harmonización dos recursos enerxéticos, co medio ambiente e a calidade de vida do pobo, promover a diversificación das fontes enerxéticas e diminuír, na medida do posible, a dependencia exterior.

Desde hai anos este organismo autónomo elabora o que se chama o "Balance enerxético de Galicia".

Durante o ano 2009 elaborou o "Balance enerxético de Galicia 2008", onde se amosa a realidade enerxética na contorna do territorio galego e na súa relación co peninsular. O documento ten como obxectivo principal "coñecer e analizar a distribución da producción e do consumo de enerxía en Galiza, así como as distintas transformacións que sofre a enerxía primaria até o seu consumo final, permitindo a realización de programas de actuación que fomenten a diversificación e a optimización enerxética".

En definitiva, este é o organismo que dalgún xeito planifica ou dá conta de todo o referente ao asunto enerxético na Galiza. No citado documento "Balance enerxético de Galicia 2008", elaborado en 2009, no Anexo II, páxina 62 veñen detalladas o número de centrais xeradoras de enerxía eléctrica, ordeadas polo tipo de tecnoloxía utilizada, entre as que se atopan as termoeléctricas de Ciclo Combinado [GNL e Gasóleo]. Sempre se fala de dúas centrais de ciclo combinadao e no conxunto do documento mencionan-se as dúas unha en Sabón e outra n'As Pontes.

Acceder ou baixar o Documento:
http://www.inega.es/inega/2007/web/rss.php?dep=1

Mais hai unha Listaxe de todas as Centrais de producción de enerxía eléctrica que están activas na Galiza, detallada por tecnolóxias utilizadas e actualizada a Setembro de 2009 que ten colgada o INEGA na súa web oficial, á que se pode acceder no seguinte enderezo:

http://www.inega.es/inega/2007/web/index.php?dep=2&mod=des&idc=6

e en concreto á listaxen das Centrais Térmicas neste outro, en formato -pdf-:

http://www.inega.es/inega/2007/upload/des/98-d-centrais_termoelectricas.pdf

Por outra banda, no documento "Proposta de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia 2007-2016" que é un documento onde se analiza a evolución do parque de xeración de enerxía eléctrica e as previsións de consumo de electricidade en Galiza no período 2007-2016 e a planifición das futuras actuacións en infraestruturas de transporte que se van realizar. Nas súas páxinas 4 e 5 ven detallado o asunto das Centrais Térmicas de Ciclo Combinado d'As Pontes e Sabón.


Isto é o que ven no citado documento:


1.2. XERACIÓN CONVENCIONAL: CICLOS COMBINADOS DE GAS NATURAL.

A construción da planta regasificadora de gas natural licuado (G.N.L.) en Mugardos e dos gasodutos asociados a esta planta, permitirán a construción de dúas centrais de ciclo combinado nas Pontes e Sabón respectivamente.


1.2.1.- CENTRAL DE CICLO COMBINADO DAS PONTES.

A central de ciclo combinado das Pontes contará cunha potencia de 770 MW estando prevista a súa entrada en operación no primeiro trimestre do 2007. Segundo datos facilitados pola empresa promotora espérase que teña un funcionamento medio anual dunhas 7.000 h.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS E DE OPERACIÓN DO CICLO COMBINADO DAS PONTES

- Potencia nominal: 770 MW
- Configuración: 2 x 1 Turb.Gas + 1 Turb.Vapor
- Potencia en turbina de gas: 2 x 258,5 MW
- Potencia en turbina de vapor: 1 x 253 MW
- Previsións produción anual electricidade: 5.600.000 MWh/ano
- Rendemento do ciclo combinado: 55%

Endesa Generación, S.A. xa comunicou á Xunta de Galicia a súa intención de construír outro ciclo combinado no período do 2013-2015, de características técnicas semellantes ao anteriormente mencionado.


1.2.2.- CENTRAL DE CICLO COMBINADO DE SABÓN.

En setembro de 2005 comezaron as obras para a construción da central de ciclo combinado de Sabón en Arteixo (A Coruña) nos terreos anexos á actual central térmica de fuel óleo. Contará cunha potencia instalada neta de 386 MW, tendo prevista entrar en operación en novembro de 2007.

No seguinte cadro preséntanse as principais características técnicas e de operación desta instalación, que segundo datos facilitados pola empresa promotora espérase que teña un funcionamento medio anual dunhas 5.200 h.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS E DE OPERACIÓN DO CICLO COMBINADO DE SABÓN
- Potencia nominal: 386 MW netos (390 MW brutos)
- Configuración: 1 Turbina Gas + 1 TurbinaVapor
- Potencia en turbina de gas: 1 x 255 MW
- Potencia en turbina de vapor: 1 x 135 MW
- Previsións produción anual electricidade: 2.000.000 MWh/ano
- Rendemento do ciclo combinado: 57%

Na planificación de Unión Fenosa, S.A. contémplase a construción dun grupo xemelgo ao anteriormente mencionado (386 MW) que probablemente entre en operación en 2013.


1.3.- PREVISIÓNS DE EVOLUCIÓN DO PARQUE DE XERACIÓN TÉRMICO.

En relación ao comentado nos apartados anteriores, no seguinte cadro preséntanse as previsión de incremento de potencia do parque de xeración termoeléctrico (carbón, fuel óleo e gas natural). De cumprirse as expectativas, no horizonte do 2016, Galicia multiplicará por dous a potencia actual de xeración, coa entrada en servizo de 1.156 MW en 2007 e outros 1.156 MW adicionais no período 2007-2016. Compre salientar que os novos incrementos en xeración térmica serán con centrais de ciclo combinado con gas natural, polo tanto moito menos contaminantes que as térmicas convencionais e moito máis eficientes desde o punto de vista enerxético.

No seguinte cadro amósase a previsión da evolución da potencia nas centrais térmicas.



[Clicar acima da imaxe para ampliar]


No seguinte cadro preséntanse as previsións de evolución da xeración de electricidade mediante centrais termoeléctricas. Da análise das previsións destaca a diminución da xeración anual de electricidade das centrais de carbón e fuel óleo en comparación coa xerada en 2005, de acordo coas esixencias e obrigas que se derivan do establecido no R.D. 430/2004, do 12 de marzo sobre Grandes Instalacións de Combustión; no R.D. 60/2005, no que se fixan os obxectivos do Plan Nacional de Asignación de Emisións de CO2 para os períodos 2005-2007 e 2008-2012 (aínda por definir) e no Real Decreto-Ley 3/2006, do 24 de febreiro, polo que se modifica o mecanismo de casación das ofertas de venda e adquisición de enerxía presentadas simultaneamente ao mercado diario e intradiario de produción por suxeitos do sector eléctrico pertencentes ao mesmo grupo empresarial.



[Clicar acima da imaxe para ampliar]


Acceder ou baixar o Documento completo:
http://www.inega.es/inega/2007/upload/inf/68-d-proposta_rede_electricidade.pdf
______________________

Dossier de Prensa relacionado:

Europa Press 03.06.2008 - Economía/Empresas
Endesa pon en operación comercial a central de ciclo combinado das Pontes (A Coruña)

Endesa puxo hoxe en operación comercial a central de ciclo combinado d'As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), cuxa investimento ascendeu a 367 millóns de euros, informou hoxe a compañía.

A incorporación desta planta, que ten 860 megavatios (MW) de potencia instalada con dúas turbinas de gas e unha de vapor, aumenta en máis dun 50% a potencia gasista instalada pola empresa presidida por José Manuel Entrecanales na España peninsular.

A nova central está situada á beira dunha térmica de carbón de 1.400 MW, coa que comparte algunhas infraestruturas, o que facilitou a execución do proxecto e minimizado o impacto ambiental. Nesa contorna, Endesa dispón tamén de 161 megavatios eólicos e 60 hidráulicos, configurando o maior enclave xerador de España.

A construción da central de ciclo combinado d'As Pontes iniciouse no outono de 2005 e consumiu 2,6 millóns de horas de traballo. Está dotada de dous turbinas de gas e unha de vapor, cada unha co seu propio xerador eléctrico independente, o que achega gran flexibilidade operativa. Trátase de equipos fabricados por General Electric que son os máis modernos do mercado na súa clase.

Aínda que o combustible principal é gas natural, a instalación está preparada para consumir gasóleo en caso de urxencia. Ademais desta singularidade tamén se distingue porque ata agora todos os ciclos combinados peninsulares de Endesa eran monoeixe.

A alimentación da nova central d'As Pontes procede dunha regasificadora situada na ría de Ferrol, á que está unida por un gasoduto duns 30 quilómetros.

Endesa ten contratada nesta terminal unha capacidade anual de 0,8 bcm (800 millóns de metros cúbicos) de gas natural. A planta é propiedade de Reganosa, compañía liderada por Endesa e á que a nova central de ciclo combinado dá viabilidade.

Por tratarse dunha instalación veciña á central de carbón preexistente, comparte con esta a infraestrutura de captación de auga do río Eume, evitando así un impacto ambiental engadido. Igualmente aproveitou terreos da subestación de 400 quilovatios (kV) da planta carboeira para unha subestación blindada pola que evacua a enerxía producida polo ciclo combinado.

O emprazamento dispón así mesmo de superficie suficiente para instalar outro ciclo similar ao posto agora en servizo por se nalgún momento así se decidise. Tamén está garantido a subministración de gas natural a través de Reganosa.

ENDESA ten operativos na Península Ibérica outros catro ciclos combinados, todas eles cunha potencia unitaria de 400 megavatios: Colón 4 (Huelva), San Roque 2 (Cádiz), Besós 3 (Barcelona) e Tarragona 1. Ademais está en construción Besós 5, de igual capacidade que a das Pontes.

Fonte: http://www.europapress.es/economia/noticia-economia-empresas-endesa-pone-operacion-comercial-central-ciclo-combinado-as-pontes-coruna-20080603152716.html


Diario de Ferrol 09.05.2008
O ciclo combinado de Endesa entrará en fase comercial a finais deste mes

A central de ciclo combinado de Endesa nas Pontes está probada, certificada e lista para entrar en funcionamento. Prevese que o faga a finais deste mes, cando terminen as probas con gasóleo, un combustible que unicamente se empregará en situacións extraordinarias de desabastecemento de gas natural.

Endesa iniciou as obras de construción da súa central de ciclo combinado nas Pontes en setembro de 2005 e agora está a piques de culminar un proceso que supuxo un investimento da orde de 400 millóns de euros e 2,6 millóns de horas de traballo. A finais deste mes entrará en funcionamento comercial a planta, con dúas turbinas de gas e unha de vapor que proporcionarán unha potencia de 800 megawatios.

O director da instalación, José Javier Granja, explicou onte, no marco dunha conferencia organizada polo Departamento de Enxeñería Industrial da UDC, que a central deseñouse pensando en duplicar a súa capacidade no futuro. Así, deixouse libre espazo para outras dúas turbinas de gas e unha de vapor, que configurarían outro ciclo de 800 MW.

A planta nutrirase fundamentalmente do gas natural procedente de Reganosa, a través do gasoduto que conecta directamente ambas as instalacións. No entanto, o ciclo combinado de Endesa tamén ten acceso á rede gasista nacional a través do enlace As Pontes-Guitiriz, do que podería nutrirse no caso de que fallase a subministración desde Mugardos.

Segundo indicou onte José Javier Granja, o consumo de gas natural da central será de 0,8 BCM (miles de millóns de metros cúbicos) ao ano e o 99,9% do tempo funcionará con este combustible. Só en casos puntuais e extraordinarios, nos que falle o abastecemento por gasoduto, traballarase con gasóleo. En canto ao auga, a planta dispón duns tanques con capacidade para 11.000 metros cúbicos que son suficientes para 25 días de funcionamento. Desde o pasado 29 de xaneiro o ciclo combinado está probado e certificado, de maneira que só resta terminar as probas con gasóleo para entrar en fase comercial.

Endesa instalou na planta de ciclo combinado turbinas de última xeración de General Electric, empresa coa que contratou, ademais, un moderno sistema de control e mantemento. Segundo indicou onte José Javier Granja, as instalacións estarán permanentemente monitorizadas por parte da compañía estadounidense, que terá capacidade, desde o outro lado do Atlántico, para achegar solucións ante calquera incidencia.

A central de ciclo combinado d'As Pontes terá unha vida útil de 25 anos. As principais vantaxes deste sistema de produción de electricidade é que ofrece mellores rendementos e o investimento para a súa posta en marcha é practicamente a metade que no resto.

Fonte: http://www.diariodeferrol.com/

En formato -pdf- imaxe da edición impresa do xornal comarcal Diario de Ferrol:
http://www.igape.es/prensa/modif_ver_pdf.asp?pdf=MBGZ-7324
_______________________

[*] Denomínase ciclo combinado na xeración de enerxía á co-existencia de dous ciclos termodinámicos nun mesmo sistema, un cuxo fluído de traballo é o vapor de auga e outro cuxo fluído de traballo é un gas produto dunha combustión.

Máis información na Wikipedia:
http://es.wikipedia.org/wiki/Ciclo_combinado
______________________


Galería Fotográfica:



[Para ampliar clicar acima da foto]


[Para ampliar clicar acima da foto]


Fotos de Mariano Grueiro
http://grueiro.blogaliza.org/



[Para ampliar clicar acima da foto]


Foto de Aveiro
__________________