20090112

Modificacións incorporadas ao último borrador do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol -18.12.2008-

Estimada/o veciña/o:

Dende a Concellería delegada de Participación Cidadá faise entrega do último borrador do Regulamento de Participación Cidadá, unha vez revisado polo Secretario Xeral os días 17 e 18 de decembro e que incorpora unha serie de modificacións en relación á versión anterior de 28.10.2008 (Ver Anexo I). Esta versión (18.12.2008) será a que se eleve á Comisión Informativa, para a emisión de informe xurídico e tramitación ante o Pleno Municipal para a súa aprobación inicial.

Sen máis, e agradecendo a súa colaboración neste proceso participativo que agora comeza unha nova fase, reciba unha cordial aperta.

Ferrol, 9 de xaneiro de 2009.

O Concelleiro delegado de Participación Cidadá

ANEXO I

MODIFICACIÓNS INCORPORADAS NO TEXTO BORRADOR DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ CON DATA DO 18.12.2008

Título I
  • Artigo 2. Suprímese o último punto (facer cumprir a ordenanza municipal de normalización lingüística); por considerar improcedente esta declaración de intencións entre normas de igual rango.
  • Artigo 5.c. Engádese “...e das comisións informativas cando actúen por delegación”
  • Artigo 9.a. Modifícase a redacción final do seguinte modo: “así como as sesións da xunta de goberno, cando figuren nelas asuntos relacionados co ámbito, sector ou obxectivo social da entidade cidadá”.
  • Artigo 9.b. Suprímese, por considerar que é inviable e que está recollido o dereito de incoporación de proposións no Pleno no Capítulo VII e valorar a imposibilidade da remisión das ordes do día de todos os órganos con tempo suficiente ás asociacións.
  • Artigo 10. Engádese “según o procedemento que se recolle nos seguintes artigos”
  • Artigo 15.4. A elección do defensor/a da cidadanía realizarase por maioría. Suprímese a obrigatoriedade da maioría absoluta e o procedemento das 3 votacións por considerar excesivos os requerimentos de consenso no sistema de votación desta figura.
  • Artigo 21. Modifícase a denominación do artigo “definición do dereito ás intervencións no Pleno” por “Dereito ás intervencións no Pleno”
  • Artigo 22.4. Suprímese o texto “coñecido pola xunta de goberno local”, xa que non é procedente neste punto e redáctase o uso do tempo das intervencións do seguinte modo “que oscilará aproximadamente entre 5 e 10 minutos” (en lugar que establecer só un mínimo obrigado de tempo en 5 minutos)
  • Artigo 22.5.Modifícase a expresión “deberán ser incluídas na orde do día” por “ser atendidas na sesión plenaria correspondente”

Título III
  • Artigo 27.1.b. Suprímese, xa que se considera que a representación cidadá e veciñal está recollida de forma aberta no propio artigo nos seguintes puntos e estimando que a presidencia dos Consellos Sectoriais non pode –por normativa estatal- ser delegada noutra figura que non sexa a de concelleiro/a da corporación.
  • Artigo 27.1.c. Modifícase o concepto “partido político” por “grupo político”, xa que nas corporación local teñen representación as Agrupacións Electorais Independentes (IF).
  • Artigo 27.1.e. detállase o proceso de elección da cidadanía individual, a proposta dos grupos municipais ou tecido asociativo e aprobado o nomeamento polo Pleno.
  • Artigo 27.2. O Regulamento interno de cada consello sectorial poderá ser aprobado por outras maiorías, sen necesidade de ser votado por unanimidade (dependendo este criterio das sesións plenarias de cada consello sectorial, que terán que establecer as regras de xogo de cada órgano, podendo establecer este nivel de acordo)
  • Artigo 29.1.d. Engádese “se fose procedente”
  • Artigo 29.2. Engádese a aclaración comisión “informativa correspondente”.
  • Artigo 31.1.a. Engádese “ou concellería en quen delegue”
  • Artigo 31.1.e. A secretaría das asambleas de barrio pode recaer nunha “persoa socia dunha entidade inscrita no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás”
  • Artigo 33.1.a. Redúcese a periodicidade das asambleas de barrio a 2 anuais como mínimo, por considerar unha asamblea trimestral (4 anuais) excesivo como obrigatoridade mínima a cumprir.
  • Artigo 33.1.f. Engádese “se fose procedente”
  • Artigo 37. Suprímese a figura da comisión permanente de control dos foros cívicos por considerar excesiva esta regulamentacion (creando un novo órgano para o seguimento dos foros) e valorando a posibilidade de realizar este seguimento a propia Comisión de Control do Regulamento. O apartado b) queda redactado do seguinte modo: “Terán continuidade no tempo a través da Comisión de Control do Regulamento, que realizará as funcións de seguimento das decisións adoptadas” Co cal suprímense os apartados 37.c e 37.d.

Título IV
  • Artigo 46. Suprímese o último parágrafo de inclusión das asociacións en proceso de constitución no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás (RMEC) pola súa inviablidade: para incorporarse no rexistro municipal deberán estar dadas de alta no rexistro xeral (administración autonómica e/ou provincial)
  • Artigo 50. 2. As actualizacións do Rexistro Municipal de Entidades Cidadás serán incorporadas no programa informático cando sexan comunicadas polas entidades; co cal o ficheiro non pode ter unha elaboración anual, senón que é un documento vivo, con modificacións constantes. Estes datos non poden ser remitidos ás asociacións como programa informático, si a través de publicacións, guías de recursos e a través da páxina web.
  • Artigo 50.3. As certificacións relativas aos datos rexistrais do RMEC poderán ser emitidas electronicamente cando se habiliten os medios ao efecto, co cal se rectifica a redacción do apartado para clarificar a dispoñibilidade desta ferramenta ou Carpeta cidadá, relacionada tamén no artigo 8.
  • Artigo 51.1.c. Engádense outros criterios como o de “dinamización cultural” e se abre á expresión “etcétera.”
  • Artigo 53.2. Os criterios de baremación poderán ser debatidos mediante procesos participativos creados expresamente para este obxectivo, non condicionados aos órganos existentes de participación cidadá no momento de iniciar o proceso de elaboración de bases reguladoras e ordenanzas municipais de subvencións. A redacción anterior obrigaría a debatir estes criterios nos consellos sectoriais; coa nova redacción pódese realizar dende calquera órgano (creado ou por crear), sempre que se realice con métodos participativos.
  • Artigo 53.3. Suprímese este artigo ante a inviabilidade de realizar unha centralización (da xestión económica) na concellería de participación cidadá dado o sistema de contabilidade municipal, que establece un procedemento de cómputo das partidas orzamentarias xestionado dende cada negociado e departamento e centralizado na Oficina Presupostaria. Isto non inhabilita a concellería de participación a coordinar os procesos participativos ou á aprobación dunha convocatoria única (que será traballada a nivel técnico e administrativo dende cada departamento).
  • Artigo 53.5. Suprímese a referencia á lei de contratos, por non afectar a súa materia a este regulamento (tan só a lei de subvencións para as relacións de colaboración coas entidades cidadás).

Disposicións
  • Disposición Transitoria Segunda. Apartado 3. A Comisión de Control do Regulamento poñerase en marcha coa entrada en vigor do regulamento, non coa difusión do regulamento.
  • Disposición Adicional Primeira. Suprímese a referencia á lei de contratos.
  • Engádese a Disposición Final de entrada en vigor do regulamento, conforme á lei 7/1985.

Aspectos comúns en todo o documento:
  • Modificase en todo o texto o termo “concellería de participación cidadá” por “concellería delegada de participación cidadá” ou “concellería competente en materia de participación cidadá”; o mesmo para os cargos de “concelleiro/a”.
  • En relación á idade relativa á participación cidadá en órganos de debate e como suxeito de dereito, establecida neste texto para as persoas maiores de 16 anos, estímase que a normativa estatal permite o exercicio deste dereito como veciño/a na súa relación coa administración local; existindo diversas experiencias no Estado na que se regula –no mesmo tipo de documentos normativos- e en procesos de orzamentos participativos. Así mesmo, están operativos outro tipo de órganos nos que ten cabida a participación da poboación infanto-xuvenil.
____________________

Nenhum comentário: