20070617

Axuda urxente para O Courel !

Axuda urxente para O Courel !

Axuda urxente para salvar o Courel


Amigas e amigos: Somos a “Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel”, veciñ@s do Courel; territorio da Galiza, cuns valores culturais, naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, educativos e científicos, únicos en Europa, foi incluído na Rede Natura 2000, é Patrimonio de tod@s. Propiedade común son tamén as augas que todos estes montes recollen da néboa do Océano, e voltan por milleiros de regatos e ríos; atravesando terras de Asturias, León, Galiza e Portugal, ata o Mar Sen axuda de tod@s, só @s veciñ@s do Courel, con pouco máis de “mil votos”, seremos incapaces de parar esta desfeita, camuflada detrás do manexo hipócrita e propagandístico da Rede Natura e da eterna promesa tranquilizadora dun Parque Natural, que chegará tarde e con mil recortes, sen cartos, esquivando “intereses poderosos”, reducido a “un debuxo nun plano” e anunciado nun “folleto”. Esta Asociación, no outono de 2004, coa vosa axuda, fixo unha campaña na defensa do Courel . A Xunta De Galicia na primavera de 2005 respondeu cunha proposta de Parque Natural totalmente mutilada, deixando fora todo o sur do Courel para as pizarreiras existentes e outras tantas novas que se pretendían autorizar:

Na ladeira este da Serra, quedaban fóra as cuncas, xa totalmente aniquiladas do ríos Pacios e Vilarbacú, onde traballan 5 macrocanteiras de pizarra. Pero tamén deixaban fora na ladeira oeste: A cunca do Ferreiriño, para abrir xunto ao Pregue Tumbado do Courel a concesión CUPA II.2 E a metade sur da cunca do Lor, onde estaba previsto abrir 2 novas macro canteiras, CUPA II.3 e ILUSIÓN.2 e legalizar “La campa”, que traballaba xa, sen licencia municipal nin autorización do Consello da Xunta e con unha orden de peche de Urbanismo.
Agora, no 2007/2008, definitivamente o Courel será Parque Natural, un pouco máis extenso ao norte, que na proposta do 2005, pero outra vez gravemente mutilado ao sur, para as mesmas canteiras e as mesmas novas concesións; moi pronto 9 macrocanteiras canteiras á vez, “explotaran” a Serra.

Esta declaración que se invalida a si mesma, é a “sentencia” definitiva do Courel. Logo coa inminente próxima aprobación da Lei de Ordenación da Minaría de Galicia, Folgoso do Courel será declarado Concello Mineiro (artigo 46, páxina 28). E por presunto interese social, a minaría terá prioridade sobre o Parque Natural e poderán ir recortándoo na medida das “necesidades” .Do Pregue Tombado do Courel pouco queda que dicir, un fito xeolóxico único en Europa.Pero a metade sur da cunca do Lor tamén é algo único dentro da Rede Natura, unha das rarezas que fan extraordinario ao Courel, tratase da profunda incursión da zona bioxeográfica Mediterránea no interior da Atlántica, de excepcional riqueza faunística, un dos últimos hábitats do bufo real na Galiza, ave en perigo de extinción. As terras de Santa Eufemia, Baldomir, Vilamor, Froxán, Vilar, Castro Portela, Salcedo, a Montaña do Lor, Barxa de Lor, ... ; todo isto quedará fora do Parque Natural, todo por mor da “obsesión de non dar gastado os recursos naturais”A urxencia deste correo ven dada ante a inminente legalización da canteira “La Campa” por o Consello da Xunta de Galicia, tal e como se nos comunicou dende todos os Organismos Sectoriais competentes. A documentación xa está preparada na Comisión Superior de Urbanismo, para ser examinada. Xa alegamos reiteradamente ante as Administracións, que esta é unha explotación imposible por estar totalmente cercada polos ríos Lor e Loruda, por varios núcleos de poboación, pola estrada LU-651, polo souto de Santa Eufemia e no medio de un Espacio Natural. Máis cedo que tarde terá que ser clausurada, pero acontecerá despois de legalizada, e terá que indemnizarse á empresa con cifras astronómicas con cargo aos Fondos Públicos.

Que lle pedimos as Administracións para o Courel ?


Que declaren o Courel Parque Natural, que inclúa como mínimo as cuncas enteiras dos ríos Lor-Louzara, Soldón, Selmo e Ferreiriño, e que se libre o territorio conformado por todas elas, de todo tipo de impactos e concesións incompatibles, como canteiras, eólicos, hidroeléctricas, ....

Que se devolva á Rede Natura a superficie da cunca do Lor que se descualificou no 2004, deixándoa fóra do Espazo Natural e deixando este territorio partido en dous, impedindo a súa función como o corredor biolóxico que une os Ancares e o Canón do Sil, tamén dous espazos da Rede Natura. E máis agora, que se prometeu case duplicar a superficie total da Rede Natura na Galiza. Que poñan xa de inmediato en marcha un Plan Urxente, no que participen todas as Administracións, para a recuperación ambiental, do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, arquitectónico, e da paisaxe tradicional. Este Plan debe estar implementado cun orzamento digno e suficiente, para a creación de empregos directos, que nós, no resumo do Plan de Desenvolvemento para o Courel, que enviamos a todas as administracións en novembro de 2005, calculamos en máis de 150 traballadores; para os que se necesitaría destinar aproximadamente 3 millóns de euros anuais. Esta cifra non é nada disparatada se temos en conta que no Principado de Asturias, con máis número de parques naturais, ningún recibe menos de 6 millóns de euros ao ano, así no Parque Natural de Somiedo empregaranse durante este ano 7,7 millóns de euros. Neste plan debese incluír necesariamente a dotación de servizos á poboación, para equipara o Courel ao resto da Galiza (sanitarios, asistenciais, culturais, de transporte, ...). Esto propiciaría, entre outras moitas cousas o retorno de emigrantes xubilados, para poder desfrutar por fin da súa Terra e na súa casa. A mellora da imaxe do Courel e a “seguridade de futuro”, multiplicaría a inversión privada e propiciaría a creación de empregos indirectos. Xa se quedou en que a Rede Natura tiña garantida a cofinanciación da Unión Europea. Ademais moitas institucións e fundacións están desexando colaborar; parece ser que unha Corporación Financieira Galega anda mirando de comprar unha Illa Atlántica e ao parecer tamén unha Devesa no Courel, e nos estamos seguros de que comprará tamén, a súa propia canteira que traballa no medio da cunca do Lor, entre Santa Eufemia e “a Campa”, para levar a cabo unha restauración ambiental exemplar”.


Que podes facer ti para axudar ?

Non se trata de axuda económica, pero pedímosche que teñas paciencia, que remates de ler este correo e llo reenvíes as túas coñecidas e coñecidos o antes que poidas. Non encontramos outra maneira para dar a coñecer ao Mundo o que no Courel está acontecendo. Ao final deste correo, van os enderezos electrónicos das distintas Administracións, cópiaos e reenvíalle este correo a esas Institucións.


Recollida de sinaturas.

Imprime nun folio o documento que xuntamos neste enlace, asínao, e se podes, recolle sinaturas entre os teus familiares e amigos: Tamén podes personalizar o texto das sinaturas para unha asociación ou institución, substituíndo “... os que abaixo asinamos” por o nome da mesma. Neste caso tes que baixalo en formato Word.Se vas recoller moitas, podes imprimilo polas dúas caras. Recorda que cada folio debe levar sempre o “texto ” que se adxunta, nunha das caras. (Debaixo de “Ao Presidente da Xuta de Galicia” pon en letra pequena “Envíeselle copia á Presidenta do Parlamento e a cada unha das Consellerías da Xunta” , isto non é para que o fagas ti, iso é para que o fagan dende Presidencia). As sinaturas recollidas mándaas, por correo, certeficado mellor, a Asociación SOS Courel. Santa Eufemia, nº 32, Folgoso do Courel, 27327 Lugo.


Ou, se tes tempo e te queres implicar máis.

Sácalle unha copia a cada folio coas sinaturas, entrega o orixinal nun Rexistro Público e que che selen a copia. Se son varias follas teñen que selarche cada unha delas e cada unha das correspondentes copias. Podes acudir ao Concello, Subdelegación do Goberno, Delegación do Goberno, Correos, Xunta, Gobernos Autónomos, Embaixadas de España, Consulados, etc.

A copia-resgardo selada no rexistro, se fas o favor, mándanola a este enderezo: Asociación SOS Courel. Santa Eufemia, nº 32, Folgoso do Courel, 27327 Lugo. Se tes tempo, mellor certificada.

Non estaría mal que te quedaras cunha fotocopia da copia-resgardo, para que se queres, facer un seguimento do teu documento dentro da Administración.Tamén podes personalizar o texto das sinaturas para unha asociación ou institución, substituíndo “... os que abaixo asinamos” por o nome da mesma.

Non fai falla que te propoñas metas moi ambiciosas, mellor rexistrar menos e axiña que dilatar moito a tarefa. Ademais sempre poderás reiniciar o traballo de novo, se tes ocasión. A campaña durará ata o 21 de xuño de 2007, o resultado final farémolo público nos Medios de Comunicación.

Podes colgar na túa páxina Web o texto deste correo , ou calquera outro motivo relacionado co Courel (Fotos, “O Courel non se vende”, “Courel Parque Natural”, ....)

Gracias por axudarnos

Unha aperta
O Courel, 25 de abril de 2007

Asociación SOS Courel. Enderezo electrónico soscourel@mundo-r.com,

Correos para as Administracións:

Moi Importante !! Cópiaos e reenvíalles este correo en tres veces. Si se copian todos xuntos, serán rexeitados polos sistemas informáticos da Xunta. ------------------------------------------------------------------------------------------------------------------ Presidente<secre.presidente@xunta.es>; Vicepresidente<gabinete.vicepresidencia@xunta.es>; C Presidencia<conselleria.presidencia@xunta.es; Economía<secretaria.gab@xunta.eco.org>; Ministra Medio Ambiente<oszurdo@mma.es>, Confederación H<presidente@chn.mma.es>; c.pita@diputacionlugo.org, concello.folgosodocourel@eidolocal.es, culturaedeporte@xunta.es; Traballo< angelina.gutierrez.alvarez@xunta.es>, ------------------------------------------------------------------------------------------------------------------ Obras Públicas e Urbanismo<gabinete.cptopt@xunta.es>; gabinete.sanidade@sergas.es; C Educación<conselleira@edu.xunta.es>; secretaria.turismo@xunta.es, CIndustria<fernando.xabier.blanco.alvarez@xunta.es>; montes.galicia@xunta.es, valedor@valedordopobo.com, registro@defensordelpueblo.es, gp-pp@parlamentodegalicia.es; gp-socialista@parlamentodegalicia.es; ------------------------------------------------------------------------------------------------------------------ C Vivenda<rosa.lopez.rendo@xunta.es>;C Pesca<carmen.vallejo.pousada@xunta.es>; C Medio Ambiente<mvazquezf@xunta.es>; Conservación Natureza<dxcn@xunta.es>; Calidade Ambiental<secretaria.dx.cal.aval.ma@xunta.es>; gp-bng@parlamentodegalicia.es; Presidenta<yolanda.aguiar.castro@parlamentodegalicia.es>;
------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Para saber máis do Courel, se tes tempo de ler.

I).- A propósito da canteira “La Campa”.

No BOE nº 160 de 6/7/2006, aparece publicado o Anuncio de la Confederación Hidrográfica del Norte (Ministerio de medio Ambiente) relativo a información pública del proyecto de restauración hidrológico forestal de las áreas afectadas por escombreras de pizarra en las márgenes del río Redomás (o Luruda) a su paso por el paraje de La Campa. T.m. de Folgoso del Caurel (Lugo) y de los terrenos, bienes y derechos necesarios para su ejecución”

No parágrafo 5º do dito anuncio di: “El río Redomás está invadido tanto por el banco de explotación de pizarra actual como por la escombrera de estériles aguas abajo de dicho banco, generando una gran contaminación de las aguas por la elevada concentración de sólidos en suspensión.”

O río Redomás ou Luruda (Loruda), afluente do Lor, non é outro que o que está ocupado por “La campa”, situada a 300 metros do Lor; pero se lemos atentamente o anuncio deducimos:

O río está moi contaminado e invadido tanto polas escombreiras como polo propio banco de extracción.

O Ministerio de Medio Ambiente, con fondos públicos, disponse a restaurar un río, desfeito por unha empresa, que funciona sen licencia Autonómica nin Municipal e cunha orde de peche dende o 2002 que non cumpriu en ningún momento. Esta orde foi ratificada polos Tribunais de Xustiza, ata o momento.
Para levar a cabo as obras, vaise expropiar un gran número de fincas, entre elas dúas da propia empresa, de Cupire Padesa.

Pero non se vai recuperar o cauce antigo, di “.... consiste en la apertura de un nuevo cauce para el río Redomás .....”. Despois de ver o Proxecto, puidemos comprobar que se trata de un “transvase total” cara outro río, o Redeirexa; co fin, supostamente, de que a auga non estorbe na canteira.

A maiores prevense outras obras extra, que parece que tería que facer a empresa: “... se diseña una nueva pista de circulación de vehículos paralela al cauce para el servicio habitual de la explotación,..” “.. Se prevé la construcción de dos pasos sobre el río Redomás resueltos mediante marcos de hormigón prefabricado,...””.. Se proyecta la remodelación de la escombrera existente,..” “...se procederá a la revegetación de la escombrera y de las márgenes del río con hidrosiembras y plantaciones, previo aporte de una capa de tierra vegetal o suelos reciclados...”

Este Proxecto, ten un custe de case 4 millóns de euros (3,744 millóns), e sería financiado con Fondos FEDER da Unión Europea. Esta cantidade está moi próxima ás axudas totais que recibiu o LEADER +, que xestionou a Asociación Rio Lor para 7 concellos en 7 anos (4,2 millóns de euros).

2).- O Plan “B”que funciona no Courel.

Este “Plan”, que non está escrito en ningún “papel” e vén de moi antigo, avanza de forma inexorable e non ten nada que ver coa Rede Natura, nin co Parque Natural. Este plan “oculto” consiste en despoboar o Courel para abaratar o aproveitamento “bárbaro” dos recursos naturais e librarse de “estorbos incómodos”. Por incrible que pareza, podemos demostralo cunha análise sinxela:

No 2002, suprimiuse a asistencia médica no Concello dende as 22 horas ata as 8 horas do día seguinte, cando dende que se activa o servicio de emerxencias ata a chegada ao hospital de Monforte, tárdase un mínimo medio de 3 horas, nun concello que queda illado pola neve e o xeo varias veces ao ano.

No 2003, os veciños do Courel pediron que se asfaltara a pista forestal que dende o Courel pasa dereitamente a Poboa de Brollón, para acurtar a chegada ao Hospital de Monforte en máis de unha hora e evitar o impedimento da neve. Non se recibiu resposta algunha.

No 2004 suprimiuse o transporte público, nun Concello onde a maioría da poboación está constituída por persoas maiores.

Os maiores do Courel máis desvalidos, vense obrigados tamén a emigrar. No Courel non hai Centro Residencia e por iso son dispersados polos Centros de toda a provincia de Lugo.

O 9 de marzo de 2006, O Consello da Xunta, sentencia sobre o futuro do Courel, ao decidir reformar a estrada LU-651, para convertela nunha superestrada:

O Consello da Xunta declarou hoxe a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo trazado (un total de 436 fincas) e estudo de impacto ambiental de dita estrada que da servizo a preto de 5.500 habitantes dos concellos lugueses de Quiroga e Folgoso do Courel. O acondicionamento da dita estrada mellorará considerablemente a seguridade viaria e terá unha especial repercusión no desenvolvemento económico da zona, xa que facilitará a circulación dos camións dedicados ao transporte da lousa, principal actividade industrial, que actualmente transitan por unha estrada moi estreita e sinuosa. Prevese que as obras dean comezo no segundo semestre deste ano, estando previsto

Coa reforma desta estrada, LU-651, que se orzamentará con 13,79 millóns de euros para 21 quilómetros, queda aparcada para sempre a vella aspiración courelá da “Estrada Dereita a Monforte”; a media ladeira, seguindo o canón do Lor, aproveitando unha pista forestal existente de 7 quilómetros, para acurtar 25 a distancia ao Hospital, evitando o illamento invernal e cun impacto insignificante.

Queda claro que para o Consello da Xunta, os veciños do Courel, xente maior na súa maior parte, a que mantén vivo o Courel, traballadora tamén, a que inviste as súas pensións honradas na súa Terra, a que aguanta gratis da única paisaxe tradicional que queda, do aparello etnográfico e arquitectónico, e da tradición cultural,.... nun dos mellores espazos naturais da Galiza, .... son menos rendibles economicamente que a producción de lousa.

Nin que dicir ten, que coa reforma da LU-651, “a alguén se lle escapará a man,” e converterán a metade da Serra nunha inmensa escombreira, e a ver quen se atreve a dicir algo porque lle soltarán esa frase contundente de “se poñedes pegas non a facemos e despois a ver que lle contades aos veciños”.

Salvo datos de última hora, ningún veciño do Courel traballa na recuperación e conservación ambiental. Na terra dos mellores soutos e devesas da provincia, non hai destinada ningunha brigada de prevención de incendios, e os aproximadamente 13 traballadores do lume, traballan habitualmente fóra do Concello.

Cando xa está de abondo demostrado, que as devesas, os soutos, as franxas de frondosas, os prados de rega, o labrado, ....constitúen os únicos cortalumes eficaces, aquí no Courel, séguese a desfacer os montes con grandes máquinas e plantando todo de piñeiros.

No final do século XX, á vista de que a Universidade de Santiago, quería construír un Centro Científico en Seoane, e non había solar, os veciños da vila pagaron do seu peto 12.000 euros para amañar un. Despois de 7 anos, outras tantas promesas e o “letreiro” da obra comido polas silveiras, os veciños aínda din que “desta vai” ¿ Quen non entendía o do Parque Natural?

A Ferrería, restaurada ou medio restaurada, hai arredor de 8 anos, con fondos públicos, permanece pechada ás visitas sen que ninguén saiba de quen é a culpa.

O albergue de Folgoso, cofinanciado con fondos LEADER +, despois de case un ano rematado, aínda non se abriu.

Mentres na Xunta estudian como explicarlle aos veciños o paso de Rede Natura a Parque Natural, seguen a correr polo Courel os rumores maliciosos e disparatados da “prohibición de apañar leña para o lume” e o de que “non se poderán apañar as castañas”.

Agora cando xa había orzamento en Medio Ambiente para “tapar con terra” os dous vertedoiros de lixo municipais, o Sr Alcalde non dá encontrado , ao parecer, aos donos das fincas a rexenerar. E alí segue o Castro de Megoxe entullado polo maior deles, ao carón do río Lor. Nós aproveitamos para pedir que non se “tape o lixo”, debe recollerse na súa totalidade e trasladarse a unha planta de tratamento.

Nenhum comentário: