20060925

Convocatoria para a constitución dunha Rede en defensa do litoral

2ª Convocatoria para a constitución dunha Rede en defensa do litoral

Coordenador Xeral Verdegaia
24 de septiembre de 2006 17:55
Para: artabra21@gmail.com

Benqueridos compañeiros e compañeiras,

O pasado Sábado 2 de Setembro celebrouse unha xuntanza en Santiago de Compostela entre representantes das asociacións Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, Foro Social de Cangas, Luita Verde, Salvemos Monteferro, Bouzas Móvete, APDR, ADEGA, PDR Cíes, AVV de Bouzas e Verdegaia. Desculparon a súa ausencia FEG, Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Ártabra 21.

As persoas reunidas coincidimos en que este era un primeiro encontro para estudar a posibilidade de criar unha rede para a defensa do litoral, paso que dependerá das decisións que cada entidade tome nas súas asembleas. Con todo, existen uns primeiros acordos arredor da posíbel constitución desta rede:

1.- Enténdese positivo e necesario tecer unha rede de organizacións directamente interesadas na defensa do litoral, co fin de:

- Intercambiar información e experiencias

- Lograr que as novas transcendan do ámbito local

- Aumentar a sensibilización social

- Difundir alertas temperás e convocatorias de mobilización

- Xerar sinerxias que permetan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas

2.- A rede, da que non farán parte forzas políticas e sindicais, será horizontal e cunha estrutura mínima (unha persoa de contacto por organización). O protagonismo será das organizacións integrantes. A intención non é construír un aparello burocrático e complicar máis aínda o traballo das e dos activistas das diversas entidades, aumentando o seu calendario de xuntanzas a.

3.- A rede terá como elemento central visíbel un sitio web onde as organizacións integrantes poderán colgar as súas novas e denuncias. Este sitio, ademais, recollerá o manifesto fundacional ou documento de bases da rede e unha listaxe de entidades integrantes con ligazóns aos seus respectivos webs (de os ter).

4.- Como primeiros labores estabeleceríanse a aprobación do manifesto ou documento de base, a posta en marcha do web e a elaboración dunha primeira "radiografía"/perfil das problemas e ameazas ao litoral galego.

Acordouse celebrar unha nova reunión para o vindeiro Sábado 7 de Outubro ás 11:00 horas. O lugar fixarase en función da asistencia confirmada tentando minimizar os desprazamentos.

Quixeramos que a vosa organización asistise a esta xuntanza e valorara a posibilidade de se integrar neste proceso.

Pregamos confirmedes a vosa intención de asistir para podermos definir o lugar de reunión.

Un saúdo

--
Xan Duro
Coordenador Xeral
www.verdegaia.org
www.bicis.info

<< Voltar ao Blog da Plataforma Ártabra 21